Wiki Código Lyoko
Advertisement
Outro mundo
Serie á que pertence Crossover entre
Winx Club e Planetes
Tempada 4
Data do trinque 20 de setembro do 2009
Nomes originais
Flag_CA.png Nome en catalán Un altre món
Flag_IT.png Nome en italiano Un altro mondo
Flag_EN.png Nome en inglés Another World
Sucesión de episodios
anterior
Os cazadores de fadas
seguinte
A árbore da vida

Outro mundo é un episodio especial (sen número) da tempada 4 da serie Winx Club. Non pertence oficialmente á serie, este episodio foi producido por Dýmapko, a empresa que tamén produce a serie Planetes. Este episodio é un crossover (cruzamento) co universo expandido de Planetes.

Argumento

O episodio empeza no patio de Alfea, onde as Winx saen de clase e empezan a falar da chegada dos Feiticeiros do Círculo Negro. De súpeto aparece un mozo que leva unha camiseta brillante de cor magenta co número 14 pintado e uns pantalóns azuis, achégase ás Winx e dilles: “Parécevos ben se falo un pouco convosco?”. As Winx sorpréndense e pregúntanlle se é un Especialista de Fonte Vermella, pero o mozo preséntase como “Almirante 14” e di que “vén doutro mundo”. 14 di: “Vin propoñervos que veñades ao meu mundo, é un universo totalmente diferente onde todo se ve doutro xeito, pero non vos preocupedes, os vosos ollos adaptaranse. Que pensades?”, e Tecna di que os habitantes do planeta Zenith están conectados ao universo no que viven, polo tanto ela non pode ir a outro universo. 14 fala con alguén e dille: “İhi, prepárate para materializar as Winx excepto Tecna: primeiro viremos Bloom e eu, despois materializa Flora e Layla, e ao final Stella e Musa. Ao choio!”. As Winx sorpréndense, e de súpeto Bloom aparece nun sitio descoñecido coas paredes amarelas, e ve que todo é diferente: as persoas, os obxectos, e en xeral os corpos, os ángulos e o espazo físico… Ao principio asústase, pero ao final afaise grazas a 14. Entón, Flora e Layla saen duns cilindros xigantes que se atopan nesta sala, e despois tamén saen Stella e Musa. 14 presenta ás Winx a súa noiva, a capitá İhi Kadse; o seu irmán, o comandante 0; a noiva de 0, Carla; e o piloto da nave, Pumiky. 14 di que eles forman parte da Frota Estelar da Federación, e atópanse na nave FEF 07 en órbita da Terra. Entón revela unha cousa interesante: as Winx forman parte dunha serie de televisión, e agora elas foron materializadas no mundo real…

Caderno de bitácora, domingo, 20 de setembro do 2009 do 263. Materializamos as Winx no mundo real, e elas están bastante sorprendidas. No entanto, axudarémolas a comprender o noso mundo…
İhi leva as cinco Winx que foron materializadas ata a ponte da 07, pon en pantalla un episodio da serie “Winx Club”, exactamente o primeiro episodio da cuarta tempada (Os cazadores de fadas), e di: “Mozas, este é un episodio da vosa serie, realmente vós sodes personaxes de ficción. Nós creamos a tecnoloxía para levar personaxes irreais cara ao noso mundo, o mundo real. Pero ninguén da Terra sabe que existimos, traballamos de incógnito. Se quixerdes volver ao voso mundo, podedes volver ao mesmo punto do que saístes, ou a calquera outro punto da vosa serie de televisión. Por iso gustaríame ensinarvos o noso mundo, a nosa Terra. Que me dicides?”, e Bloom di: “Se entendín ben, temos o tempo que quixermos, sempre poderemos volver. Onde nos queredes levar?”. 14 di: “Pasarédesvolo ben neste mundo, teño a certeza, gozaredes moito! Algunha vez usastes un teletransportador?” e Stella rapidamente di: “Eu teletransporteime moitas veces, ou sexa, basicamente… Pero gustaríame quedar nesta nave, xa que vin que tedes cousas moi chulas!”. 14 di: “Moi ben, eu levarei Bloom e Layla a Barcelona, para que vexan a praia e o mar dunha maneira totalmente diferente ao que están afeitas. İhi, importaríache levar Flora e Musa á túa vila, Ayamonte?” e İhi di: “Será un pracer”. İhi teletransporta 14, Bloom e Layla na praia de Barcelona, pero xa que xa pasou o verán, e é domingo ás 7 da mañá, na praia non hai ninguén. Layla di: “O meu planeta, Andros, é coñecido polas súas praias e a beleza do seu mar, pero non vira nunca un mar desta realidade. Podo pedir algo?” e di que só quere mergullar polo mar de Barcelona, o Mar Mediterráneo, xa que ela pode respirar baixo a auga cos seus poderes de fada, e di: “Non me perderei polo mar, sei como volver. Prométoche que volverei, e cando Layla Pelay promete unha cousa, asegúrase de cumprila. Estás de acordo?”. 14 di: “Moi ben, vémonos neste punto da praia. Adeus!”, e Layla vaise.

En Ayamonte, İhi, Flora e Musa están a pasear polas rúas, cando de súpeto atopan unha amiga de İhi que se chama İrene. İrene di: “Quen son as túas amigas?” e İhi di: “Sei que es fan das Winx, verdade? Que me dirías se che dixese que son, nin máis nin menos, Flora e Musa?”. İrene di: “Mozas, é verdade que vos parecedes, pero como vos chamades de verdade?”, pero Flora di: “Chámome Flora Fernández”, e Musa di: “Eu chámome Musa Kimura”. İrene di: “Dicídesmo de verdade?” e İhi di: “İrene, hai moitas cousas que non che expliquei, como que en realidade agora estou a falar catalán e estou a usar o tradutor universal que levo instalado dentro da miña testa para que me ouzas en castelán…”. İrene di: “Falas catalán? Non o sabía, onde o aprendiches? Se nunca viviches en Cataluña!”, e İhi di: “İrene, non me fagas explicarche agora todos os meus segredos…”. De súpeto 14 interrómpeas chamando a través do comunicador, e İhi di: “Que pasa?”. 14 di que deixou que Layla marchase ao mar para mergullar un pouco pola súa conta, mentres el e Bloom quedaron na praia, e pregunta: “Fíxeno ben?”. İhi di: “Espero que non se meta en problemas nin se atope con xente do noso mundo…” e 14 dille que lle prometeu que volvería. İhi di que se algo for mal, que a chame inmediatamente. Musa pregunta que pasaba, e İhi di: “A túa amiga Layla decidiu facer un paseo polo mar”. Musa di: “Se prometeu a 14 que volvería, volverá, pero isto non quere dicir que non liscase e que non busque xente deste mundo…”, e İhi preocúpase.

Na praia de Barcelona, Bloom está a gozar do sol e o vento sobre a súa cara, sentindo sensacións diferentes do que sentía no mundo das Winx, cando 14 volve recibir unha chamada de İhi dicindo que teñen un problema: Layla marchou. 14 di que todos volverán á 07. A bordo da 07, İhi di que Layla desapareceu, os sensores da nave non a poden detectar en ningures na Terra. Bloom di: “Que hai de malo nisto? Seica Layla non pode visitar pola súa conta este mundo?”, e 14 di que é perigoso, poderíase meter en problemas e ela non ten un carné de identidade, ou sexa, poderíana deter e encarcerar para pescudar quen é, algo que a policía nunca conseguiría, e acabarían descubrindo a 07 e todo o seu segredo. Bloom di: “Entón, por que nos trouxestes aquí? Layla é maiorciña e sabe evitar os problemas, se queriades que vísemos o voso mundo, ela está a facer exactamente isto, e se non queriades arriscarvos a ter problemas, non teriades que materializarnos!”, e 14 di: “Tes razón, pero tamén che teño que dicir que isto é moi perigoso, o problema que temos non se pode resolver con maxia como vós facedes. Tedes os vosos poderes máxicos intactos, e se Layla os usar, todo se irá á merda!”. İhi di: “14 ten razón, isto non é un xogo, o noso segredo é unha cousa seria. Hai que atopar Layla canto antes, e para conseguir atopala, todos temos que estar unidos. Agora non é momento para enfadarse!”, e Stella di: “Cun feitizo atopariámola ben rápido, podo facer maxia para atopala?”. 14 di: “Se ninguén na Terra se decatar, adiante, pero só nós podemos saber que tedes poderes máxicos, está ben?”, pero Stella di: “Queres que fagamos as cousas do xeito aburrido, pero estou de acordo. Pero teño que dicirche que este mundo non me gusta nada…” e prepara un feitizo de localización.

Stella fai maxia, e revela que Layla se atopa en Roma. 14 di: “Chegou a Italia? Si que nada rápido!” e İhi di: “14, queda aquí coas Winx, 0 e eu transportarémonos a Roma para buscala”. Pero Bloom interrómpeo e di: “Musa e eu tamén viremos, Layla faravos máis caso se estivermos tamén nós. Ademais, ti es o xefe desta nave, pero non nos podes dar ordes a nós, non estamos baixo o teu mando. Faremos o que quixermos!”, e 14 di: “Bloom, nunca pensei en darche ordes, nin a ti nin ás túas amigas, só vos facía saber os perigos de que vós viñésedes ao noso mundo. Levámosvos aquí para que gocedes, para darvos un agasallo especial. Queremos que hoxe sexa un día especial para vós, e nun día especial a xente está feliz. Sodes as nosas personaxes favoritas, gústame moito a vosa serie, e xa que temos a tecnoloxía para materializarvos, usámola para facervos felices. Non queremos que as nosas personaxes favoritas se enfaden connosco, isto é o que menos quere un fan!”. Stella di: “Eu sei moi ben que é ter fans, e non me importa quedar aquí e ver como traballades!”, e Musa di: “Se ti odias traballar!”. İhi di: “Musa, Bloom e 0, 14 enviaranos a Roma, preparádevos para o teletransporte!” e 14 teletransporta os tres no punto no que se atopa Layla. Stella di: “Como funciona esta nave?”, e 14 di que esta é unha nave estelar con tecnoloxía moito máis avanzada cá da Terra, e ten un motor de curvatura co que a nave pode viaxar a gran velocidade polo espazo, máis rápido cá velocidade da luz. 14 di: “Queredes ver algo máis?”, e leva as mozas á holocuberta…

En Roma, Layla está a explicar historias sobre as súas aventuras das Winx a un grupo de xente, mentres algunhas persoas están a dicir: “Parécese moito á verdadeira Layla, só que en carne e óso…”. Outras persoas simplemente din: “É unha moza moi guapa…”. De súpeto Layla di que sabe bailar moi ben, e empeza a bailar. Todos se sorprenden, ata que İhi, Bloom e Musa lle din que viñeron levala á 07. Pero de súpeto vén a policía italiana, e un policía di a Layla: “Moza, estás a estorbar a circulación por esta praza, por favor, leva os teus amigos cara a outro sitio máis grande”. Layla quere facer maxia contra o policía, cando Bloom di: “Non se preocupe, irémonos. Pero vostede foi moi amable por dicírnolo”. Layla di: “Por que carallo viñestes?”, e Bloom di: “Será mellor que volvamos á nave estelar, non cres?”. Layla acepta, e İhi chama 14 co comunicador para que os teletransporte a bordo. Pero 14 non contesta… Na 07, 14, Stella e Flora están nunha holocuberta, nunha simulación de Alfea. Stella di a 14: “Flora quería vir aquí e eu quería ir de compras, por que te puxeches de parte de Flora?”, e 14 di: “Tiña que elixir, e ademais, vir aquí era máis sensato”. Entón 14 recibe unha chamada de İhi no seu propio comunicador, dicindo: “Por que non respondes as miñas chamadas á nave?”, e 14 explica que levou Stella e Flora á holocuberta. İhi di que atoparon Layla e teñen que subir á 07, 14 e as mozas saen da holocuberta e 14 teletransporta İhi, 0, Layla, Bloom e Musa a bordo. Prepararanse para enviar as Winx ao seu mundo…

Na sala do supercomputador da nave, İhi explica que os cilindros xigantes desta sala son escáneres, cos que as Winx poderán volver ao seu mundo. As Winx din que lles gustou o mundo real, pero teñen unha misión e entenden por que teñen que volver. Bloom decide facer unha foto das cinco Winx co seu teléfono móbil, para ter unha foto delas no mundo real. As Winx achéganse e Bloom fai a foto, e despois din que están listas para volver ao seu mundo. İhi prepara o programa, as Winx din adeus aos oficiais da 07 e İhi envía Bloom, Stella, Flora e Musa a Magix. Layla é a última, e pide perdón aos oficiais da 07 por escaparse. Pero di a 14: “Non facía falta que viñésedes a Roma para buscarme, prometín que volvería e pensaba volver…”, e 14 di: “Non volverías se usases a maxia para atacar aquel policía!”. Layla di: “Cando Layla Pelay promete unha cousa, asegúrase de cumprila. Prometín que volvería, e volvería sexa como for. Pero entendo que o voso segredo sería revelado se non viñésedes pararme…”, e 14 di: “Acepto as túas desculpas. Verémonos outro día, algún día volverei ao voso mundo para visitarvos e se quixerdes, poderedes volver vir cara aquí. Adeus!”. İhi envía Layla ao seu mundo, e nas portas de Alfea, Tecna di: “Non tardastes nin un minuto en volver, que vistes?”. Stella di: “Agora explicarémoscho todo…” e Layla di a Bloom: “Son a única que estivo menos intre con 14, pero creo que eu son a súa Winx favorita…”. Mentres tanto, no mundo real, 14 olla a foto das Winx, xa que Bloom lla enviou antes de irse, di: “Verémonos cedo, Winx…”, e o episodio termínase.

Curiosidades

  • Bloom, Stella, Flora, Musa e Layla van ao mundo real.
  • Revélanse os apelidos de Flora, Musa e Layla: respectivamente, os seus nomes completos son Flora Fernández, Musa Kimura e Layla Pelay.
  • Este episodio foi producido pola empresa Dýmapko e segue o estilo da serie Planetes 3: utiliza o formato panorámico (16x9), ten a canción de apertura tras unha parte de introdución (teaser), dura o mesmo que duran os episodios de Planetes 3, e o título do episodio aparece despois da canción de apertura na parte superior esquerda. O título aparece en catalán (máis grande), en italiano e en inglés.
    • Ademais, este episodio corresponde ao episodio 22 da tempada 4 de Planetes 3 (Materialización), ou sexa, as escenas son as mesmas.
  • Neste episodio revélase que os habitantes do planeta Zenith están conectados ao universo no que viven, polo tanto non poden ir ao mundo real. Por iso Tecna non se pode materializar no mundo real.
Advertisement